As comarcas do Carballiño e do Ribeiro estudan a creación dunha comunidade enerxética compartida para reducir o gasto público en enerxía mediante instalacións fotovoltaicas de autoconsumo colectivo.
A proposta foi abordada nunha reunión celebrada na Casa Consistorial do Carballiño, no marco do proxecto europeo COMENERG, impulsado pola Deputación de Ourense para promover comunidades enerxéticas locais renovables na fronteira entre Galicia e o norte de Portugal.
Representantes municipais de ambas as dúas comarcas participaron neste encontro, no que se analizaron as posibilidades que ofrecen as comunidades enerxéticas para as administracións locais, a cidadanía e o territorio.
Entre os aspectos tratados estiveron o potencial aforro económico, a redución do gasto enerxético, as fórmulas de financiamento dispoñibles e o papel que poden xogar os concellos no impulso de proxectos compartidos.
Desde COMENERG seguimos traballando para acompañar os municipios na transición cara a un modelo enerxético máis sostible, próximo e participativo.
Porque unha comunidade enerxética non é só unha instalación fotovoltaica: é unha ferramenta para producir, compartir e xestionar a enerxía desde o territorio.
#COMENERG #ComunidadesEnerxéticas #TransiciónEnerxética #AutoconsumoColectivo #Ourense #OCarballiño #ORibeiro #FondosEuropeos #Interreg #POCTEP #FEDER #EnerxíaRenovable
Recent Comments