As comunidades enerxéticas de Muiños e A Gudiña entran nunha fase decisiva tras a finalización das súas instalacións solares fotovoltaicas.
Estes dous proxectos, impulsados pola Deputación de Ourense no marco de COMENERG e cofinanciados ao 75 % por fondos FEDER a través do programa INTERREG VI A España-Portugal (POCTEP) 2021-2027, representan un paso clave cara a un modelo enerxético máis sostible, participativo e próximo á cidadanía.
As instalacións, situadas no pavillón de Mugueimes e no pavillón municipal da Gudiña, funcionarán baixo o modelo de autoconsumo colectivo con excedentes acollidos a compensación. Isto permitirá repartir a enerxía xerada entre as persoas e entidades socias e descontar na factura eléctrica a enerxía non consumida que se verta á rede.
En conxunto, ambas as plantas xerarán máis de 240.000 kWh de enerxía renovable ao ano, cun aforro económico estimado de entre 30.000 e 36.000 euros anuais e unha redución de case 80 toneladas de CO₂ cada ano.
Agora comeza o traballo técnico e administrativo necesario para que esa enerxía se converta en aforro real: acordos de reparto, activación de puntos de subministración, adaptación de contratos coas comercializadoras e sistemas de monitorización que permitirán coñecer a enerxía xerada, consumida e compensada.
Con Muiños e A Gudiña, COMENERG demostra que as comunidades enerxéticas non son só unha ferramenta para producir enerxía renovable: son unha forma de reforzar a autonomía enerxética do rural, reducir custos e construír un modelo máis xusto, eficiente e participativo.
Recent Comments