O INEGA, socio do proxecto europeo Interreg COMENERG, liderado pola Deputación de Ourense, participou en Enerxétika 2026 nunha xornada clave sobre os Certificados de Aforro Enerxético (CAEs) e a biomasa
O director de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, participou na segunda xornada sobre os Certificados de Aforro Enerxético (CAEs) e no VI Foro da Biomasa Galega, celebrados no marco de Enerxétika – Feira da Enerxía de Galicia 2026.
O INEGA, como socio do proxecto europeo COMENERG, puxo voz a un debate clave para o presente e o futuro da transición enerxética, destacando o crecemento que están a experimentar os CAEs en Galicia, con máis de 130 actuacións só no mes de febreiro. Un sistema que, en palabras de Pablo Fernández Vila, “pode converterse nun aliado de primeira orde ao transformar a eficiencia enerxética en rendibilidade económica”.
A mensaxe é clara: a eficiencia enerxética non é só unha vía para reducir consumos e emisións, senón tamén unha oportunidade real para mellorar a competitividade, impulsar investimento e acelerar a transición cara a un modelo máis sostible.
Grazas á implicación da industria galega neste proceso, Galicia sitúase á vangarda de Europa nos procesos de descarbonización industrial, apoiándose en fontes renovables como a biomasa e en ferramentas innovadoras como os CAEs.
Unha folla de ruta que reforza a importancia da colaboración entre administracións, tecido empresarial e proxectos europeos comprometidos coa transición enerxética, como COMENERG.
#enerxetika26 #eficienciaenerxetica #biomasa #enerxiasrenovables #COMENERG
Recent Comments