Dez concellos ourensáns —Amoeiro, Coles, Gomesende, Nogueira de Ramuín, Paderne de Allariz, O Pereiro de Aguiar, Ramirás, San Cibrao das Viñas, Vilamarín e Xunqueira de Espadanedo— constituirán unha comunidade enerxética local co apoio da Xunta de Galicia, a través do INEGA.
A iniciativa contempla a instalación de paneis fotovoltaicos en dependencias municipais, cunha potencia prevista de 1,13 MWp e unha produción estimada de 1.285 MWh, equivalente ao 13% do consumo eléctrico dos concellos participantes.
Desde COMENERG valoramos de forma moi positiva que sigan avanzando proxectos deste tipo na provincia de Ourense.
Cada nova comunidade enerxética, cada instalación de autoconsumo colectivo e cada experiencia de cooperación entre concellos contribúe a consolidar un modelo enerxético máis próximo, máis eficiente e máis vinculado ao territorio.
No caso de Ourense, este avance resulta especialmente relevante: o rural precisa ferramentas que permitan reducir custos, aproveitar recursos renovables locais e reforzar a autonomía enerxética dos concellos.
A transición enerxética non se constrúe desde unha única iniciativa, senón desde a suma de moitos proxectos, administracións, entidades e comunidades que avanzan nunha mesma dirección.
Recent Comments