E se puideses producir a túa propia enerxía? E se puideses aproveitar o potencial dos recursos renovables da túa contorna (auga, sol, vento…) para acender a luz da rúa, quentar a túa casa ou facer funcionar o teu coche, reducindo o gasto en calefacción, taxas municipais ou combustible? E se a matogueira que devora o lume, o vento que ás veces te acouga ou o sol que fai medrar os produtos da túa horta puidesen alimentar o teu frigorífico, iluminar o teu negocio ou facer funcionar as máquinas do teu obradoiro? E se os teus veciños se convertesen nos teus aliados nunha empresa conxunta para un beneficio común?
Un dos nosos obxectivos como Comunidade Enerxética é explicar o que somos, os beneficios que o noso modelo aporta á sociedade e como podes formar parte deste proxecto, co que imos iniciar unha serie de posts informativos partindo do máis básico: que é unha comunidade enerxética?
As comunidades enerxéticas baséanse en tres conceptos fundamentais: a autoxestión enerxética, o consumo local (aforro no transporte) e a sustentabilidade.
Este tipo de entidades implica o aproveitamento de recursos renovables que se dan nun determinado medio social e natural (vento, luz solar, cursos fluviais, biomasa…) e a participación cidadá na produción e distribución de enerxía por parte dos consumidores finais da mesma.
Isto ten beneficios a nivel ambiental e social, ao optimizar o aproveitamento da enerxía (xa que, ao consumirse en zonas próximas á súa produción, minimizan as perdas durante o transporte); permitir o establecemento de poboación no territorio; implicar á comunidade na produción das súas propias fontes de enerxía e concienciar sobre o aforro e o impacto da produción eléctrica.
Esta idea recibiu un gran apoio das administracións públicas nos últimos anos, dentro do proceso de transición cara a un modelo de produción de enerxía libre de emisións de CO2.
Por este motivo, as Comunidades Enerxéticas adquiriron unha nova personalidade xurídica baseada nas directivas da Unión Europea de 2018 e 2019 sobre Comunidades Cidadás de Enerxía e Comunidades de Enerxías Renovables, que quedaron fundamentadas no caso español no Real Decreto Lei 23/2020, que define as comunidades enerxéticas como “entidades jurídicas basadas en la participación abierta y voluntaria, autónomas y efectivamente controladas por socios o miembros que están situados en las proximidades de los proyectos de energías renovables que sean propiedad de dichas entidades jurídicas y que estas hayan desarrollado, cuyos socios o miembros sean personas físicas, pymes o autoridades locales, incluidos los municipios y cuya finalidad primordial sea proporcionar beneficios medioambientales, económicos o sociales a sus socios o miembros o a las zonas locales donde operan, en lugar de ganancias financieras”. (https://www.idae.es/ayudas-y-finacion/comunidades-energeticas). En Portugal, as directivas da UE de 2018 e 2019 foron trasladadas polo Decreto-Lei 15/2022, que reorganiza o funcionamento do Sistema Eléctrico Nacional, co obxectivo dun modelo descentralizado baseado na produción local de enerxía eléctrica. (https://elperiodicodelaenergia.com/portugal-aprove-una-nueva-ordenacion-legal-de-su-sistema-electrico-para-facilitar-la-generacion-distribuida/)
Así, as Comunidades Enerxéticas ofrecen beneficios tanto a nivel ecolóxico como económico e social, constituíndo un paso decisivo no avance cara a un modelo que non só sexa máis sostible a nivel ambiental, senón tamén cheo de futuro a nivel social, no que as comunidades locais son as verdadeiras protagonistas.