A Deputación de Ourense adxudicou a finais de setembro de 2024 o servizo de deseño e implantación dunha páxina web, perfís en redes sociais, imaxe corporativa e accións divulgativas do Proxecto 0052_COMENERG_1_E, cofinanciado nun 75% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional ( FEDER ) dentro do programa INTERREG VI-A España-Portugal (POCTEP) 2021-2027. Este servizo, adxudicado ao estudo galego La Décima Planta, dirixido por Juan Pablo Rivas Pires, prestarase ata o 31 de decembro de 2026.

As principais tarefas incluídas no contrato son:

  1. Deseño dunha páxina web multilingüe (galego, castelán e portugués) para a difusión dixital do proxecto, garantindo o seu correcto funcionamento e a súa actualización polo menos ata a finalización do contrato.
  2. Creación e mantemento de perfís nas redes sociais máis relevantes (Facebook, Twitter, LinkedIn, YouTube e Instagram) para chegar ao público obxectivo do proxecto.
  3. Deseño dunha imaxe corporativa e outro material de comunicación necesario para a difusión das accións do proxecto.
  4. Elaboración dun rexistro cronolóxico trimestral con ligazóns a todas as noticias publicadas nos medios sobre as principais novidades e actividades realizadas no marco do proxecto.
  5. Realización dun vídeo divulgativo do proxecto no que se inclúan os obxectivos, as accións realizadas e os resultados obtidos, mediante tomas de drons gravadas en calidade 4K/HQ.
  6. Creación dun vídeo resumo adicional en formato MP4.

O proxecto 0052_COMENERG_1_E, presentado na terceira convocatoria do Programa de Cooperación Interreg VI-A España-Portugal, foi aprobado a finais de 2023, sendo a Deputación de Ourense a principal beneficiaria. Neste proxecto tamén participan o CIM Alto Minho, o Instituto Politécnico de Viana do Castelo, a AREA Alto Minho, o Instituto Enerxético de Galicia e a Universidade de Vigo.

Este proxecto promove a cooperación transfronteiriza, a innovación e o desenvolvemento sostible na eurorrexión Galicia – Norte de Portugal.

Inscríbete á nosa Newsletter

Grazas por te inscribires!